30/05/10

Xuntanza de Nais e Pais polo ensino en galego. Lugo. 3 de xuño, 20.15h

Prezadas nais,
Prezados pais,


Despois de ser aprobado o decreto que regula a presenza do galego no ensino é o momento de nos preguntar "e agora que?"
Nestes meses vivimos unha resposta cívica exemplar da rede asociativa do país, do mundo cultural, da comunidade educativa.
Podemos sentirnos frustrados co resultado da nosa mobilización, mais penso que lle podemos dar volta a todo isto.

Facemos un chamamento para constituírmos o grupo "Nais e Pais polo Ensino en Galego" na cidade de Lugo.

Queremos xuntarnos para actuar de maneira positiva, coordinada, e aproveitando recursos en favor dun ensino (dunha vida) en galego para as nosas crianzas.
Entendemos por positivo o feito de asumir que as nosas fillas e fillos son as únicas nenas e nenos bilingües da cidade e queremos que o sigan sendo e que o sexan moitas e moito máis.
Para iso o camiño necesario pasa por unha maior presenza do galego no ensino. E por unha estratexia aberta, construtiva e dirixida a toda a cidadanía.

Trátase dunha asociación lúdica, divulgativa, cultural, ... E por suposto reivindicativa, pero non só iso.

A sesión constituínte terá lugar o xoves 3 de xuño no centro LUG II (rúa Pintor Corredoira) ás 20:15h.

Nesta sesión concretaremos os nosos obxectivos como grupo e deseñaremos un plan de traballo para o que pedimos a vosa presenza e a de todas aquelas nais e pais que coñezades da nosa cidade que desexen un futuro en galego para as súas fillas e os seus fillos.


Unha animosa aperta,
a festa da lingua continúa.



Sem comentários: