23/04/08

BASES DA CONVOCATORIA DO CONCURSO
“MOBILÍZATE POLA LINGUA. POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO”.


Primeiro-. Entidade convocadora-. A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca o concurso “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”. O seu obxectivo é fomentar entre a mocidade actividades que chamen a reflexión sobre a dificultade de vivirmos plenamente exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas/os.


Segundo-. Perfil dos participantes-. Poderán concorrer ao concurso mozas e mozos de ata noventa e nove anos. A candidatura para o concurso poderase presentar individualmente ou por equipos.


Terceiro-. Contido do vídeo-. As/os participantes deberán elaborar un vídeo no que recollan situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades que a cidadanía galega se pode atopar para empregar con normalidade o idioma galego nos distintos eidos cotiáns da vida: no ensino, nas administracións públicas –estatal, local ou autonómica-, nos hospitais, nos xornais, na empresa privada –como consumidores ou traballadores- etc. O traballo poderá ser enfocado dende calquera punto de vista: humorístico, dramático, épico, descritivo, etc. Valoraranse especialmente a orixinalidade, a claridade das mensaxes, a capacidade de transmisión de contidos dos obxectivos e a calidade técnica dos vídeos.


Cuarto-. Requisitos técnicos-. O traballo non terá unha duración superior a dous minutos. O vídeo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación (vídeo-cámara, cámara dixital ou cámara de móbil). Os arquivos serán enviados por correo electrónico a amesalugo@hotmail.com , por MMS ao nº 620 56 57 12, ou por correo ordinario á Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo. En todos eles indicarase “Concurso Mobilízate”, nome do/s autores, centro de ensino ao que pertencen, no seu caso, e nº de contacto. O prazo de admisión de traballos remata ás 18 horas do día 14 de maio.


Quinto-. O xurado-. O xurado estará formado por un/ha profesional do sector audiovisual galego, un membro dun Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística dunha Admon Pública –que non poderá pertencer a ningún centro de ensino participante no concurso- e un actor/actriz galego/a de prestixio. O xurado visualizará todas as candidaturas recibidas e emitirá un veredicto, por maioría de votos, que será inapelable. Os premios poderán ser declarados desertos.


Sexto-. Os premios-. Establécese unha única modalidade de concurso, con tres premios. O primeiro deles será unha PDA, o segundo unha cámara dixital de última xeración e o terceiro un MP 4. Se algún dos premios fose unha obra colectiva, premiarase a maiores cun MP 3 a cada un dos gañadores, cun máximo de cinco unidades por premio. Os premios poderán ser substituídos por outros de calidade e valor semellantes.


Sétimo-. Os dereitos sobre as obras en concurso e a súa emisión pública-. Os participantes ceden os seus dereitos sobre as obras por un tempo de seis meses, durante o cal a MNL adquire a obriga de difundilos co nome dos seus autores nas súas canles habituais de comunicación pública. O tratamento da información persoal realizarase conforme á LO 15/1999, de protección de datos. Todas as obras serán reproducidas durante o acto que a MNL celebrará na cidade de Lugo o 15 de maio de 2008. O acto levarase a cabo no salón de actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, a partir das oito da tarde. Os asistentes serán obsequiados cun CD con todas as obras participantes. As obras iranse colgando para o seu visionado previo e público na seguinte bitácora da MNL: http://www.amesalugo.blogspot.com/


Oitavo-. Aceptación das bases-. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases. Para máis información poden dirixirse á: Mesa pola Normalización Lingüística –Zona de Lugo-, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, chamando ao teléfono nº 620 56 57 12, ou ao enderezo amesalugo@hotmail.com

22/04/08

A Mesa pola Normalización en Lugo anima a denunciar as vulneracións dos dereitos lingüísticos a través da Liña do Galego


[15/04/2008]

O Voluntariado de Activación Lingüística comeza a funcionar na cidade para axudar a aquelas persoas que queiran comezar a falar na nosa lingua

A asociación convida á cidadanía a participar na manifestación do vindeiro 18 de maio, “Polo dereito a vivirmos en galego”

Fernán Xosé Mourenza, responsábel da Mesa na zona de Lugo, e Francisco Xosé Rei, coordenador de zonas da Mesa e membro da directiva da asociación, presentaron esta mañá na cidade dous novos proxectos desenvolvidos pola Mesa, que xa están funcionando con éxito noutras cidades e vilas galegas: a Liña do Galego e o Voluntariado de Activación Lingüística (VAL). Así mesmo, animaron á cidadanía a participar na manifestación nacional que, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, se vai celebrar en Santiago de Compostela o vindeiro 18 de maio.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas etc, que os vulneren, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantir o dereito a vivir en galego. Está dispoñíbel no teléfono 902 10 64 74, en horario ininterrompido de 8 da mañá a 10 da noite todos os días laborábeis, e a través do correo-e linhadogalego@amesanl.org. A Mesa garante a confidencialidade de todas as informacións achegadas á Liña do Galego, mais non tramita chamadas nin correos anónimos.

Fernán Xosé Mourenza animou a utilizar este servizo a todos os lugueses e luguesas para facer valer os seus dereitos. Recordou que, grazas á colaboración cidadá e dos socios e socias da Mesa, xa se están a desenvolver na zona accións como o requirimento á xerencia do Complexo Hospitalario Xeral Calde para que cumpra coa Lei de Normalización Lingüística, ou a campaña para que na Estación de Autobuses o galego teña presenza na sinaléctica e na megafonía. Rematar coas situacións de incumprimento da lexislación por parte do Concello é outro dos obxectivos da Mesa en Lugo cidade.

A asociación vai dar a coñecer tanto a Liña do Galego como o VAL en distintos ámbitos, distribuíndo materiais informativos e contactando con asociacións e outros colectivos. No caso do Voluntariado, vaise facer un especial fincapé no campus universitario e máis no ámbito da mocidade. Na comarca de Sarria xa botou a andar, grazas á colaboración con Aicos (Asociación de Inmigrantes da Comarca de Sarria) e co Concello de Sarria.

O programa consiste en promover a formación de parellas de voluntarios e persoas activas que queiran aprender máis sobre a lingua e a cultura galegas. A cada voluntario asignáselle un activo e ambos comprométense a relacionarse un mínimo de 10 sesións dunha hora, coa premisa de falar galego ou de tentar falalo o máximo posíbel.