30/05/10

Xuntanza de Nais e Pais polo ensino en galego. Lugo. 3 de xuño, 20.15h

Prezadas nais,
Prezados pais,


Despois de ser aprobado o decreto que regula a presenza do galego no ensino é o momento de nos preguntar "e agora que?"
Nestes meses vivimos unha resposta cívica exemplar da rede asociativa do país, do mundo cultural, da comunidade educativa.
Podemos sentirnos frustrados co resultado da nosa mobilización, mais penso que lle podemos dar volta a todo isto.

Facemos un chamamento para constituírmos o grupo "Nais e Pais polo Ensino en Galego" na cidade de Lugo.

Queremos xuntarnos para actuar de maneira positiva, coordinada, e aproveitando recursos en favor dun ensino (dunha vida) en galego para as nosas crianzas.
Entendemos por positivo o feito de asumir que as nosas fillas e fillos son as únicas nenas e nenos bilingües da cidade e queremos que o sigan sendo e que o sexan moitas e moito máis.
Para iso o camiño necesario pasa por unha maior presenza do galego no ensino. E por unha estratexia aberta, construtiva e dirixida a toda a cidadanía.

Trátase dunha asociación lúdica, divulgativa, cultural, ... E por suposto reivindicativa, pero non só iso.

A sesión constituínte terá lugar o xoves 3 de xuño no centro LUG II (rúa Pintor Corredoira) ás 20:15h.

Nesta sesión concretaremos os nosos obxectivos como grupo e deseñaremos un plan de traballo para o que pedimos a vosa presenza e a de todas aquelas nais e pais que coñezades da nosa cidade que desexen un futuro en galego para as súas fillas e os seus fillos.


Unha animosa aperta,
a festa da lingua continúa.



03/05/10

ADIAMENTO DO CONCURSO MOBILÍZATE POLA LINGUA III Edición.

As razóns que levaron a esta decisión foron a grande cantidade de actos convocados na cidade e na Comarca para estes días co gallo das Letras, convocadas tanto por escolas e institucións públicas como por asociacións civís en defensa da lingua. A Mesa considerou máis útil que estas actividades centren a atención do público en xeral e da mocidade en particular, e en consecuencia acordou levar a cabo unha idea que xa levabamos pensando bastante tempo:

Convocar unha Semana das Letras seis meses despois (ou antes) do 17 de maio, que ao ser en lugo cadra asemade coa celebración do aniversario da Asemblea nacionalista de Lugo (sería a semana do 11 ao 18 de novembro cando quereriamos desenvolvela), evento que tamén resultou clave na reivindicación da oficilaidade da lingua do noso país. Deste xeito queda formalmente enunciado e anunciado o proxecto.

Con independencia das comunicacións que se remitan ás entidades que están a difundir o evento, os videos xa recibidos serán gardados e proxectados dentro das actividades que a Mesa de Lugo desenvolva nesa semana de novembro. Así acadamos dinamizar a actividade social da Mesa nunha tempada que por ser intermedia entre San Froilán, Magostos e Nadal sempre quedaba algo espida de intervención pública pola nosa banda.
Grazas pola vosa atención e os videos xa remitidos.
Asemblea da Mesa da Zona de Lugo