28/12/09

CONVOCATORIA URXENTE CONTRA O DECRETO ANTIGALEGO. Concentración na Prazado Obradoiro de Compostela o 30 de decembro ás 17h



A Plataforma Queremos Galego vén de convocar unha concentración nacional para este mércores día 30 de decembro, ás 5 da tarde, na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.



A concentración é unha resposta pública de urxencia ao anuncio do novo decreto que reducirá as porcentaxes de uso do galego no ensino.



Esta convocatoria ten carácter nacional e anula os actos previstos para o mesmo día nas comarcas. Previsibelmente coincidirá coa reunión do Consello da Xunta. Prégase a difusión urxente desta convocatoria.



Para facilitar o traslado desde Lugo da xente que non teña coche quedamos este mércores todos /as ás 3 da tarde na Esplanada da Estación do Tren de Lugo.

11/12/09

Esixe a E-ON factura da luz en galego!


Se eras cliente de Begasa, terás observado como desde que cambiou o distribuidor de último recurso na facturación enerxética, mudou o idioma no que recibías as túas comunicacións. As cartas e facturas que antes Begasa enviaba en galego, agora E-on envíaas en español.
Para solicitares recibir as facturas da luz no noso idioma, envía a túa queixa:

* Por fax: ao 942 01 09 68
* Por carta: Calle Medio, nº 12, 39003, Santander, España
* Por tlf.: 902 222 838
* Por correo electrónico: informacion@eon.com

Eis un modelo de carta para que a adaptes ao teu xeito:

---------------------------------------------------------

SERVIZO DE ATENCIÓN AO CLIENTE DE E-ON COMERCIALIZADORA ÚLTIMO RECURSO S L:


Son D./Dna. ................................................................................., maior de idade, con DNI nº ...................., con teléfono para comunicacións .....................; antigo cliente de Begasa, e na altualidade cliente de E-ON Comercialidadora de Último Recurso SL .
Teño pois un contrato de de subministro de enerxía eléctrica para o meu domicilio na rúa ................................................. da localidade de .................... , e pola presente carta quero manifestarl o seguinte:
A empresa subministradora de electricidade (Begasa) respectaba a preferencia lingüística do seus clientes, de xeito que a relación comercial con eles era, no meu caso, en lingua galega.
Como ata día de hoxe todas as comunicación que recibin de E-ON Comercialidadora de Último Recurso SL non son en lingüa galega, quero solicitarlles o seguinte:
* Que de agora en diante todas as comunicacións escritas própias da nosa relación comercial, se desenvolvan polo menos en lingua galega.
* Que a atención persoal nas oficinas da empresa e no telefono de atención ao cliente, se preste, á escolla do cliente nas dúas linguas oficiais da nosa comunidade,.
* Que no seu defecto, me dea cumprida explicación das causas que motivan a negativa: nese caso ademais, quero que me informe sobre os dereitos que me asisten como consumidor para solicitar cambio de compañía subministradora de electricidade.

Sen outro particular, e agardando a súa resposta, reciba un cordial saúdo.

Asinado,

En Lugo, a de de 2009




04/12/09

Ás voltas coa amabilidade lingüística no Carballiño


Desde A MESA de Lugo colaboramos cos compañeiros e compañeiras do Carballiño na realización destas xornadas de formación

09/10/09

Nace na comarca a Plataforma "QUEREMOS GALEGO"






MÁIS DE 50 ASOCIACIÓNS DA COMARCA CREAN A PLATAFORMA ‘QUEREMOS GALEGO’ A FAVOR DO IDIOMA

Marica Campo exercerá de portavoz desta plataforma cidadá aberta e heteroxénea que pretende unir a colectivos de distinta índole e persoas a título individual na defensa do idioma

Entre os promotores atópanse asociacións culturais, sindicatos, asociacións de veciños, grupos de música como Fuxan os Ventos ou Quempallou, comunidades de montes, escritores, colexios profesionais ou deportistas como Sergio, do CD Lugo, ou os irmáns Vallejo

Máis de 50 asociacións da comarca de Lugo e persoas a título individual contituíron hoxe a plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO a favor do idioma. O acto de constitución tivo lugar esta tarde no salón de actos da Deputación de Lugo e nel déronse cita persoas de distintos eidos sociais unidos por unha única causa: a defensa do galego.

Marica Campo exercerá como portavoz desta plataforma cidadá “aberta e heteroxenea” que pretende aglutinar “a persoas de todas as sensibilidades que sintan o galego como seu e queiran protexelo e difundilo”. Ao acto de hoxe asistiron personas do mundo do deporte, como o dianteiro do CD Lugo Sergio, ou os irmáns Vallejo, escritores como Paco Martín ou Xosé Miranda, representantes de colexios profesionais, como o de Enfermería ou o de Arquitectura, e membros das distintas asociacións e colectivos que integran a plataforma neste momento, dende asociacións veciñais como a da Milagrosa, a asociacións culturais como o Instituto de Estudos Chairegos, LugoPatrimonio, o Clube Cultural Valle Inclán, María Castaña ou Ergueitos de Sarria; a sindicatos como STEG, CIG ou CCOO; ou mesmo grupos de música como Fuxan os Ventos ou Quempallou. A iniciativa está aberta á participación de todas aquelas asociacións ou colectivos que o desexen.

No acto celebrado hoxe Marica Campo deu lectura ao manifesto fundacional e explicou que QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá que nace coa pretensión de unir persoas, colectivos e institucións da máis diversa natureza baixo tres premisas básicas:
1. A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala.
2. A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións públicas non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito.
3. Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.

Iniciativas en marcha
A plataforma QUEREMOS GALEGO comeza a súa andaina sobre dúas propostas de traballo concretas: o impulso e desenvolvemento nos vindeiros meses dunha Iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos e a convocatoria dunha gran mobilización nacional en Santiago de Compostela para o vindeiro domingo día 18 de outubro.
Marica Campo explicou que “por primeira vez en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso nos diferentes ámbitos. O Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga fixada no Estatuto de Autonomía de promover e potenciar o uso da lingua galega e garantir os seus usos oficiais. Todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da Xunta teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma. Algúns exemplos son o anuncio de derogación do 50% do ensino en galego, a supresión das axudas á tradución de libros ao galego, ou a contrarreforma da Lei da Función Pública que fai que non sexa necesario coñecer o galego para acceder a un posto de traballo na Administración galega”, relatou a portavoz desta plataforma cidadá.

Manifesto fundacional: obxectivos
QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.
QUEREMOS GALEGO nace dun activo proceso de debate e reflexión colectiva arredor da difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto. A un estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados até o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura.
A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO aspira a recoller e transformar en enerxía a prol da defensa do noso idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, a gran preocupación que a actual política lingüística do goberno galego ten creado en amplos sectores da sociedade, independentemente das súas afiliacións ou simpatías. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua.
Facémolo desde a convicción de que a actual situación de retrocesos legais, desprotección dos nosos dereitos lingüísticos ou cuestionamento de consensos básicos arredor do idioma que custou o seu traballo construír non gusta a unha inmensa maioría da sociedade galega, que ama a súa lingua e desexa a súa normalidade.
Para esa ampla base social ten abertas as súas portas a plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO e as diferentes iniciativas que irá desenvolvendo.

--------------------------------------------------------------------------------

MANIFESTACIÓN
Domingo 18 de outubro
Ás 12 horas en Santiago

SAÍDA DE AUTOBUSES

Nº 1: Organiza A. C. Arrincadeira de Riotorto
RIOTORTO: SAÍDA ÁS 09:00 HORAS ( Praza do Concello)
MEIRA: SAÍDA ÁS 9:30 HORAS ( Praza Maior)

Nº 2: Organiza Área de Cultura do Concello de Sarria
SARRIA: SAÍDA ÁS 09:15 HORAS ( CRUCE DA CIGÜEÑEIRA)
POBOA SAN XIAO: SAÍDA ÁS 09:30 HORAS (CRUCE DA ESTACIÓN)

Nº 3: Organiza Instituto de Estudos Chairegos
VILALBA: SAÍDA ÁS 10.00 HORAS (DIANTE DA CASA DE CULTURA)

Nº 4: Organiza FORGA (CIG) de Lugo
LUGO: SAÍDA ÁS 10:00 HORAS (EDIFICIO SINDICAL DA RONDA)
GUITIRIZ: SÁIDA ÁS 10:30 HORAS (ÁREA DE SERVIZO DA AUTOVÍA)

Nº 5: Organiza Plataforma Queremos Galego
LUGO: SAÍDA ÁS 10:00 HORAS (EDIFICO SINDICAL DA RONDA)

Teléfono para anotarse : 982.22.58.12

Descargar cartaz coa información dos autobuses

Descargar carta de convite á Plataforma

19/06/09

Xornadas de formación en Compostela:dereitos e estratexias lingüísticas


Logo de grande éxito do Seminario de Autodefensa Lingüística que tivo lugar onte, xoves 18 de xuño, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, con preto do centenar de asistentes, A MESA colabora coa CTNL na celebración en Compostela das Xornadas nacionais de formación en dereitos e estratexias lingüísticas.


As premisas das que parte son similares ás do Seminario de Autodefensa L. Animámosvos a asistir a este importante acto formativo na capital do noso País, así como a difundir o mesmo.

----------------------------------------------------------------------

Benquerida/o amiga/o,Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística, organizamos a Xornada de formación en dereitos e estratexias lingüísticas. Argumentos para o debate social na defensa do galego, que terá lugar o sábado 27 de xuño pola tarde en Santiago de Compostela, e na que nos gustaría que participases.


OBXECTIVOS XERAIS DA XORNADA
Con esta xornada preténdese transmitir dun xeito moi breve, claro e sinxelo a evolución e situación sociolingüística actual e difundir os dereitos e deberes lingüísticos que nos asisten sectorialmente, así como arrombar cos tópicos que están servindo de escusa para reducir a presenza pública galego

17.15 h. Recepción e entrega de documentación17.30 h. SOBRE SOCIOLINGÜÍSTICA E PLANIFICACIÓN
Evolución dos datos sociolingüísticos en Galiza. Claves interpretativas da situación actualGoretti Sanmartín ReiXefa do Servizo de Normalización Lingüística e profesora titular de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña
As políticas de planificación lingüística como resposta ás tendencias desgaleguizadoras da sociedadeMª do Pilar García NegroProfesora titular de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña
18.30 h. Debate e pausa19.00 h. SOBRE DEREITOS LINGÜÍSTICOS
Aspectos constitucionais do estatuto xurídico do galego. Realidade xurídica, mitos e propostas públicas de dubidosa legalidadeLuís Villares NaveiraXuíz titular do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da Fonsagrada
Estatuto xurídico do galego na función pública. Notas para o exercicio dos dereitos lingüísticos fronte e dende as administracións públicasXabier Antonio Ferreira FernándezProfesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela
Estatuto xurídico do galego no ensino non universitario. Argumentos para o debate social dende a perspectiva do estudantado, as familias e a comunidade educativaAlba Nogueira LópezProfesora titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela
20.15 horas. Debate e peche da xornada ás 20.45 h

PARTICIPACIÓN, LUGAR E ORGANIZACIÓN
PERSOAS DESTINATARIAS E PARTICIPACIÓNPoden participar nesta xornada todas aquelas persoas que o desexen, de balde e sen inscrición previa
LUGARCentro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche (Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo. Santiago de Compostela)
Visualizar o mapa ampliado

11/06/09

Seminario de Autodefensa Lingüística





Diante dos ataques que a lingua galega está a recibir dende diversos sectores sociais e políticos, a Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo decidiu organizar un SEMINARIO DE AUTODEFENSA LINGÜÍSTICA o día xoves 18 de xuño ás 20:00 horas no SALÓN DE ACTOS DA DEPUTACIÓN de Lugo.

Este acto está enfocado a explicar a actual situación do idioma galego, así como as últimas novas relativas ás medidas que está a adoptar o novo Goberno da Xunta e que supoñen un claro retroceso no status social e legal da lingua galega.

O seminario pretende ao mesmo tempo fornecer de ferramentas e argumentos cos que defender o noso idioma dos ataques que está a recibir.

Dada a importancia de dar unha resposta acaída á actual situación, queremos convidarte a asistir a este Seminario, así como a que deas traslado deste convite a todas cantas persoas sensibilizadas co idioma coñezas.

Agradecéndoche de antemán a túa colaboración na defensa da lingua galega,

Recibe un afectuoso saúdo.

A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA (ZONA DE LUGO)

15/05/09

Premios do II Concurso Popular de vídeos "Mobilízate pola língua"



Alumnos do intituto de Lousame, na provincia da Coruña, resultaron gañadores da segunda edición do concurso de videos sobre a situación do galego Mobilízate pola Lingua, organizado dende a Mesa pola Normalización Lingüística.

O acto de entrega dos premios, celebrouse o xoves 14 de maio no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Neste acto proxectáronse as curtas gañadoras que foron: Por que non en Galego ? (obra colectiva dos estudantes do instituto de Lousame); División (Lolo e Iago - Lugo); Zara Home Zara (Lolo e Iago - Lugo).

O xurado estivo formado polo director de cine Jorge Coira, a directora teatral Tareixa Campo e o presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística, Nel Vidal. Ademais da proxección dos vídeos premiados tamén se proxectou o documental Modelo Burela sobre a integración lingüística nesta vila da Mariña.

Nesta segunda edición do concurso de vídeos Mobilízate pola Lingua tivo como obxectivo que os rapaces e rapazas de toda Galiza gravaran cos seus telemóbeis situacións da súa vida cotiá nas que teñen problemas ou dificultades para poder expresarse en galego. O certame deste ano busca afondar na relación entre a mocidade e o galego a través das novas tecnoloxías.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, entregou os premios deste certame organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística que achegou a Lugo vídeos enviados dende diferentes cidades, vilas e aldeas do país. O acto rematou cunha actuación do músico tradicional Luis O Caruncho que interpretou varios temas acompañado da súa zanfona.

Nas próximas horas subiremos todos os vídeos participantes

29/04/09

II Concurso de vídeos: MOBILÍZATE POLA LÍNGUA



A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Lugo centro, organiza por segundo ano consecutivo o concurso de vídeos Mobilízate pola Língua que pretende que os rapaces e rapazas de toda Galiza graben cos seus teléfonos móbiles situacións da súa vida cotiá nas que teñen problemas ou dificultades para poder expresarse en galego. O certame deste ano busca afondar na relación entre a mocidade e o galego a través das novas tecnoloxías. O prazo de envío de vídeos remata o vindeiro 13 de maio.

As bases do concurso foron enviadas a todos os centros de ensino de primaria e secundaria da provincia, así como ás escolas de imaxe e son. Así mesmo, poden consultarse e descargar ao pé desta noticia ou descargalas desde aquí.

As grabacións poderán ter unha duración máxima de dous minutos en calquera formato. Teñen cabida pezas e creacións de todo tipo, dende o punto de vista humorístico, dramático, épico ou simplemente descritivo. Iranse colgando os vídeos participantes a medida que vaian chegando.

Os membros do xurado serán persoas vinculadas ao mundo audiovisual galego e á normalización lingüística, entre eles o director de cinema Jorge Coira e Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. O acto de entrega de premios terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo o 14 de maio ás 20:00 horas. Proxectaránse todas as curtas recibidas e os videos gañadores. Os premios consisten en tecnoloxía en galego.

O concurso foi presentado na Galería Sargadelos de Lugo polo responsable da Mesa en Lugo, Fernán Xosé Mourenza, quen animou aos centros de ensino da provincia a participar no concurso, aínda que serán admitidas tamén cintas chegadas doutros puntos de Galiza e do estranxeiro. Aínda que se dirixe de xeito preferente á mocidade, o certame está aberto tamén a persoas de todas as idades.

-----------------------------------------------------------------------------------------------

BASES DA CONVOCATORIA DO CONCURSO “MOBILÍZATE POLA LINGUA.
POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO”

Primeiro-. Entidade convocadora-. A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca o concurso “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”. O seu obxectivo é fomentar entre a mocidade actividades que chamen a reflexión sobre a dificultade de vivirmos plenamente exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas/os.

Segundo-. Perfil dos participantes-. Poderán concorrer ao concurso mozas e mozos de ata noventa e nove anos. A candidatura para o concurso poderase presentar individualmente ou por equipos.

Terceiro-. Contido do vídeo-. As/os participantes deberán elaborar un vídeo no que recollan situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades que a cidadanía galega se pode atopar para empregar con normalidade o idioma galego nos distintos eidos cotiáns da vida: no ensino, nas administracións públicas –estatal, local ou autonómica-, nos hospitais, nos xornais, na empresa privada –como consumidores ou traballadores- etc. O traballo poderá ser enfocado dende calquera punto de vista: humorístico, dramático, épico, descritivo, etc. Valoraranse especialmente a orixinalidade, a claridade das mensaxes, a capacidade de transmisión de contidos dos obxectivos e a calidade técnica dos vídeos.

Cuarto-. Requisitos técnicos-. O traballo non terá unha duración superior a dous minutos. O vídeo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación (vídeo-cámara, cámara dixital ou cámara de móbil). Os arquivos serán enviados por correo electrónico a amesalugo@hotmail.com , por MMS ao nº 620 56 57 12, ou por correo ordinario á Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo. En todos eles indicarase “Concurso Mobilízate”, nome do/s autores, centro de ensino ao que pertencen, no seu caso, e nº de contacto. O prazo de admisión de traballos remata ás 18 horas do día 13 de maio.

Quinto-. O xurado-. O xurado estará formado por un/ha profesional do sector audiovisual galego, un membro dun Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística dunha Admon Pública –que non poderá pertencer a ningún centro de ensino participante no concurso- e un actor/actriz galego/a de prestixio. O xurado visualizará todas as candidaturas recibidas e emitirá un veredicto, por maioría de votos, que será inapelable. Os premios poderán ser declarados desertos.

Sexto-. Os premios-. Establécese unha única modalidade de concurso, con tres premios. Todos eles consistirán en aparatos de telecomunicacións (reprodutor de DVD, cámara de fotos e teléfono móbil). Se algún dos premios fose unha obra colectiva, premiarase a maiores cunha memoria USB de gran capacidade a cada un dos gañadores, cun máximo de cinco unidades por premio. Os premios poderán ser substituídos por outros de calidade e valor semellantes.

Sétimo-. Os dereitos sobre as obras en concurso e a súa emisión pública-. Os participantes ceden os seus dereitos sobre as obras por un tempo de seis meses, durante o cal a MNL adquire a obriga de difundilos co nome dos seus autores nas súas canles habituais de comunicación pública. O tratamento da información persoal realizarase conforme á LO 15/1999, de protección de datos. Todas as obras serán reproducidas durante o acto que a MNL celebrará na cidade de Lugo o 14 de maio de 2009. O acto levarase a cabo no salón de actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, a partir das oito da tarde. Os asistentes serán obsequiados cun CD con todas as obras participantes. As obras iranse colgando para o seu visionado previo e público na seguinte bitácora da MNL: www.amesalugo.blogspot.com. A organización, se o tempo o permite, pode variar o espazo do acto para realizalo ao aire libre.

Oitavo-. Aceptación das bases-. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases. Para máis información poden dirixirse á: Mesa pola Normalización Lingüística –Zona de Lugo-, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, chamando ao teléfono nº 620 56 57 12, ou ao enderezo amesalugo@hotmail.com

PODES VER OS VIDEOS DO ANO PASADO NO FONDO DO NOSO BLOG
(entrada de maio de 2008)

30/03/09

Modelo de reclamación fronte incumprimentos da administración autonómica



Achegamos un modelo de reclamación fronte aos incumprimentos en calquera departamento da administración pública autonómica (Xunta).

A presentación desta queixa en calquera rexistro público dá lugar a un procedemento específico de tramitación.

Animámoste a que utilices este documento, elaborado pola MESA de Lugo, ante calquera exclusión ou agresión contra a nosa lingua por parte dos organismos da Xunta.

01/03/09

Máis fotos da comparsa de Antroido 2009






Antroido 2009, Lápidas para o galego




Nas populares festas de Antroido, A Mesa ten participado con comparsa propia. En forma dun novo "paseo literario", denunciáronse con humor e retranca as discriminacións que sofre o noso idioma na capital lucense e na Patria enteira.
Eis as fotos da comparsa máis choqueira e rexoubeira.

05/01/09

OS REIS MAGOS CHEGAN Á ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE LUGO


Os Reis Magos de Oriente xa están en Lugo cargados de agasallos para as nenas e nenos da provincia. Para podérense desprazar a todas as vilas decidiron coller o bus, e por iso viñeron á Estación de Autobuses de Lugo. Os reis teñen a maxia de falar todas as linguas do mundo.. pero en cada país só entenden a lingua propia, así que en Galicia entenden o galego.. por iso están desorientados na estación: a megafonía só fala castelán, non hai maneira de facturar equipaxes (só facturan equipajes) non hai saída para esta situación (só salida)..e o que é aínda máis soprendente, os carteis dos destinos das localidades están escritos en nomes inventados, como Orense, El Santo, Ribera de Piquín, La Rúa, Villamayor, Piedrafita.. así que os reis terano difícil para chegar hoxe aos/ás máis cativos/as da casa a tempo..

Afortunadamente, a maxia REAL fixo que dos agasallos aparecesen un para as empresas de transporte, cos topónimos debidamente escritos, outra caixa enorme dirixida á Consellaría de Transportes e Ordenación Territorial, con competencia na materia, para galeguizar a sinaléctica da Estación e finalmente, dirixido ao xerente, un agasallo con CARBON E A LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA para que saiba como hai que dirixir as instalacións e por terse portado tan mal co noso idioma todos estes anos, negándose a corrixir as formas deturpadas e poñendo a sinalización en galego, malia os requerimentos feitos. Con este acto queremos denunciar unha situación real: a vulneración dos dereitos lingüísticos polas administracións en instalacións e servizos públicos. Levamos máis dun ano pedindo a fin a estes feitos mediante cartas e tentativas frustradas de entrevistas que dende a Consellaría de Política Territorial e Transportes nin da Xerencia da Estación se teña feito nada por solucionalo. Denunciamos: - o incumprimento do deber de promoción da nosa lingua a nivel escrito, negándonos a posibilidade de ler os servizos que oferta a estación en galego; - a inexistencia da lingua galega na megafonía nos anuncios dos destinos de viaxeiros; - o emprego de formas deturpadas e polo tanto ilegais dos topónimos galegos. ESIXIMOS O CESAMENTO INMEDIATAO DAS VIOLACIÓNS DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS NA ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE LUGO