29/04/09

II Concurso de vídeos: MOBILÍZATE POLA LÍNGUA



A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Lugo centro, organiza por segundo ano consecutivo o concurso de vídeos Mobilízate pola Língua que pretende que os rapaces e rapazas de toda Galiza graben cos seus teléfonos móbiles situacións da súa vida cotiá nas que teñen problemas ou dificultades para poder expresarse en galego. O certame deste ano busca afondar na relación entre a mocidade e o galego a través das novas tecnoloxías. O prazo de envío de vídeos remata o vindeiro 13 de maio.

As bases do concurso foron enviadas a todos os centros de ensino de primaria e secundaria da provincia, así como ás escolas de imaxe e son. Así mesmo, poden consultarse e descargar ao pé desta noticia ou descargalas desde aquí.

As grabacións poderán ter unha duración máxima de dous minutos en calquera formato. Teñen cabida pezas e creacións de todo tipo, dende o punto de vista humorístico, dramático, épico ou simplemente descritivo. Iranse colgando os vídeos participantes a medida que vaian chegando.

Os membros do xurado serán persoas vinculadas ao mundo audiovisual galego e á normalización lingüística, entre eles o director de cinema Jorge Coira e Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. O acto de entrega de premios terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo o 14 de maio ás 20:00 horas. Proxectaránse todas as curtas recibidas e os videos gañadores. Os premios consisten en tecnoloxía en galego.

O concurso foi presentado na Galería Sargadelos de Lugo polo responsable da Mesa en Lugo, Fernán Xosé Mourenza, quen animou aos centros de ensino da provincia a participar no concurso, aínda que serán admitidas tamén cintas chegadas doutros puntos de Galiza e do estranxeiro. Aínda que se dirixe de xeito preferente á mocidade, o certame está aberto tamén a persoas de todas as idades.

-----------------------------------------------------------------------------------------------

BASES DA CONVOCATORIA DO CONCURSO “MOBILÍZATE POLA LINGUA.
POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO”

Primeiro-. Entidade convocadora-. A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca o concurso “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”. O seu obxectivo é fomentar entre a mocidade actividades que chamen a reflexión sobre a dificultade de vivirmos plenamente exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas/os.

Segundo-. Perfil dos participantes-. Poderán concorrer ao concurso mozas e mozos de ata noventa e nove anos. A candidatura para o concurso poderase presentar individualmente ou por equipos.

Terceiro-. Contido do vídeo-. As/os participantes deberán elaborar un vídeo no que recollan situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades que a cidadanía galega se pode atopar para empregar con normalidade o idioma galego nos distintos eidos cotiáns da vida: no ensino, nas administracións públicas –estatal, local ou autonómica-, nos hospitais, nos xornais, na empresa privada –como consumidores ou traballadores- etc. O traballo poderá ser enfocado dende calquera punto de vista: humorístico, dramático, épico, descritivo, etc. Valoraranse especialmente a orixinalidade, a claridade das mensaxes, a capacidade de transmisión de contidos dos obxectivos e a calidade técnica dos vídeos.

Cuarto-. Requisitos técnicos-. O traballo non terá unha duración superior a dous minutos. O vídeo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación (vídeo-cámara, cámara dixital ou cámara de móbil). Os arquivos serán enviados por correo electrónico a amesalugo@hotmail.com , por MMS ao nº 620 56 57 12, ou por correo ordinario á Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo. En todos eles indicarase “Concurso Mobilízate”, nome do/s autores, centro de ensino ao que pertencen, no seu caso, e nº de contacto. O prazo de admisión de traballos remata ás 18 horas do día 13 de maio.

Quinto-. O xurado-. O xurado estará formado por un/ha profesional do sector audiovisual galego, un membro dun Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística dunha Admon Pública –que non poderá pertencer a ningún centro de ensino participante no concurso- e un actor/actriz galego/a de prestixio. O xurado visualizará todas as candidaturas recibidas e emitirá un veredicto, por maioría de votos, que será inapelable. Os premios poderán ser declarados desertos.

Sexto-. Os premios-. Establécese unha única modalidade de concurso, con tres premios. Todos eles consistirán en aparatos de telecomunicacións (reprodutor de DVD, cámara de fotos e teléfono móbil). Se algún dos premios fose unha obra colectiva, premiarase a maiores cunha memoria USB de gran capacidade a cada un dos gañadores, cun máximo de cinco unidades por premio. Os premios poderán ser substituídos por outros de calidade e valor semellantes.

Sétimo-. Os dereitos sobre as obras en concurso e a súa emisión pública-. Os participantes ceden os seus dereitos sobre as obras por un tempo de seis meses, durante o cal a MNL adquire a obriga de difundilos co nome dos seus autores nas súas canles habituais de comunicación pública. O tratamento da información persoal realizarase conforme á LO 15/1999, de protección de datos. Todas as obras serán reproducidas durante o acto que a MNL celebrará na cidade de Lugo o 14 de maio de 2009. O acto levarase a cabo no salón de actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, a partir das oito da tarde. Os asistentes serán obsequiados cun CD con todas as obras participantes. As obras iranse colgando para o seu visionado previo e público na seguinte bitácora da MNL: www.amesalugo.blogspot.com. A organización, se o tempo o permite, pode variar o espazo do acto para realizalo ao aire libre.

Oitavo-. Aceptación das bases-. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases. Para máis información poden dirixirse á: Mesa pola Normalización Lingüística –Zona de Lugo-, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, chamando ao teléfono nº 620 56 57 12, ou ao enderezo amesalugo@hotmail.com

PODES VER OS VIDEOS DO ANO PASADO NO FONDO DO NOSO BLOG
(entrada de maio de 2008)