25/12/10

Cantando os reis


Estas festas xuntarémonos para cantar os reis por diferentes lugares da nosa con...torna.

Para empezar, este domingo 26 e o luns 27 de decembro, será nos Ancares.

O 26 pola tarde combinaremos en Doiras. Durmirase en Degrada e Piornedo e o luns 27 os cantos serán previsibelmente pola zona de Degrada.

Quen queira ir pode aparecer por alí armado de instrumentos e ganas de pasalo ben. Experiencia altamente recomendábel, especialmente para os pequenos!

O día 30 pola tarde noite irase cantar os reis polo bairro da Milagrosa, na cidade.

E xa a principios de xaneiro, en data por concretar, cantaranse os reis por Baralla.

Feliz solsticio de inverno/nadal a tod@s!!!

16/11/10

Presentación do libro "Estudos Xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo". Galería Sargadelos, Lugo, 2 decembro 2010 ás 20.30h




O xoves 02/12/2010 ás 20.30h na Galería Sargadelos de Lugo, presentarase o libro "Estudos Xurídicos sobre o Decreto para o Plurilingüismo".
Intervirá o coordinador da obra, o Maxistrado lucense Luis Villares Naveira, e un dos autores, o avogado Xosé Manuel Fernández Varela. Presentará o acto a sociolingüísta María Xosé Rodríguez Valcárcel.

30/05/10

Xuntanza de Nais e Pais polo ensino en galego. Lugo. 3 de xuño, 20.15h

Prezadas nais,
Prezados pais,


Despois de ser aprobado o decreto que regula a presenza do galego no ensino é o momento de nos preguntar "e agora que?"
Nestes meses vivimos unha resposta cívica exemplar da rede asociativa do país, do mundo cultural, da comunidade educativa.
Podemos sentirnos frustrados co resultado da nosa mobilización, mais penso que lle podemos dar volta a todo isto.

Facemos un chamamento para constituírmos o grupo "Nais e Pais polo Ensino en Galego" na cidade de Lugo.

Queremos xuntarnos para actuar de maneira positiva, coordinada, e aproveitando recursos en favor dun ensino (dunha vida) en galego para as nosas crianzas.
Entendemos por positivo o feito de asumir que as nosas fillas e fillos son as únicas nenas e nenos bilingües da cidade e queremos que o sigan sendo e que o sexan moitas e moito máis.
Para iso o camiño necesario pasa por unha maior presenza do galego no ensino. E por unha estratexia aberta, construtiva e dirixida a toda a cidadanía.

Trátase dunha asociación lúdica, divulgativa, cultural, ... E por suposto reivindicativa, pero non só iso.

A sesión constituínte terá lugar o xoves 3 de xuño no centro LUG II (rúa Pintor Corredoira) ás 20:15h.

Nesta sesión concretaremos os nosos obxectivos como grupo e deseñaremos un plan de traballo para o que pedimos a vosa presenza e a de todas aquelas nais e pais que coñezades da nosa cidade que desexen un futuro en galego para as súas fillas e os seus fillos.


Unha animosa aperta,
a festa da lingua continúa.



03/05/10

ADIAMENTO DO CONCURSO MOBILÍZATE POLA LINGUA III Edición.

As razóns que levaron a esta decisión foron a grande cantidade de actos convocados na cidade e na Comarca para estes días co gallo das Letras, convocadas tanto por escolas e institucións públicas como por asociacións civís en defensa da lingua. A Mesa considerou máis útil que estas actividades centren a atención do público en xeral e da mocidade en particular, e en consecuencia acordou levar a cabo unha idea que xa levabamos pensando bastante tempo:

Convocar unha Semana das Letras seis meses despois (ou antes) do 17 de maio, que ao ser en lugo cadra asemade coa celebración do aniversario da Asemblea nacionalista de Lugo (sería a semana do 11 ao 18 de novembro cando quereriamos desenvolvela), evento que tamén resultou clave na reivindicación da oficilaidade da lingua do noso país. Deste xeito queda formalmente enunciado e anunciado o proxecto.

Con independencia das comunicacións que se remitan ás entidades que están a difundir o evento, os videos xa recibidos serán gardados e proxectados dentro das actividades que a Mesa de Lugo desenvolva nesa semana de novembro. Así acadamos dinamizar a actividade social da Mesa nunha tempada que por ser intermedia entre San Froilán, Magostos e Nadal sempre quedaba algo espida de intervención pública pola nosa banda.
Grazas pola vosa atención e os videos xa remitidos.
Asemblea da Mesa da Zona de Lugo

09/02/10

ANTROIDO TRILÍNGÜE: Os Choqueiros do Decretazo ou Terzos de Galegos



PROPOSTA DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA AOS DEMAIS INTEGRANTES DA PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO

- Formación dunha Comparsa de Entroido que levaría o nome de 'Os Choqueiros do Decreto' co obxectivo de denunciar e rediculizar o decreto do galego no ensino que pretende aprobar o Goberno do PP na Xunta

A idea sería denunciar as consecuencias da súa aprobación e aplicación, é dicir, caricaturizar "a sociedade galega pos-decreto".

Para iso, cada integrante deberá ir vestido ao 30% con prendas e complementos típicos galegos, españois e ingleses. Por exemplo: sombreiro de policía londinense, traxe de toureiro e zocas galegas. Caben infinitas posibilidades, tan só dádelle aos miolos porque todas as combinacións son posibles, a única idea é cumprir a subrealista miscelanea do 30% que nos dilúe como galegos e galegas.

A Mesa propón constituír esta Comparsa de Entroido baixo o paraugas de Queremos Galego, como un acto máis da Plataforma, o máis ampla posible en canto a xente para percorrer as rúas de Lugo o luns e o martes de entroido. Para completar o acto de denuncia-festiva poderíanse ensaiar coplas alusivas pra ir cantando e mesmo repartir algún tipo de octavilla.

Para pechar os detalles desta actividade así como para pór en común ideas e preparar toda a intendencia, CONVÓCASE A TODAS AQUELAS PERSOAS OU COLECTIVOS INTERESADOS EN PARTICIPAR A UNHA XUNTANZA QUE TERÁ LUGAR ESTE XOVES DÍA 11 DE FEBREIRO ÁS 20:15 HORAS NO CENTRO XUVENIL LUG (Rúa Pintor Corredoira -Lugo-).

Agardamos contar coa túa presenza.

03/02/10

O libro das 55 mentiras… será presentado simultaneamente en máis de sesenta localidades, entre elas varias da contorna lucense


O libro das 55 mentiras… será presentado simultaneamente en máis de sesenta localidades, entre elas varias da contorna lucense

Venres 5 de febreiro, 20.30h


Guitiriz, Casa das Palabras: Alfonso Blanco

Lugo, Librería Trama: Paco Martín e Antonio Reigosa

Ponferrada, Sala da Obra Social de Caja España en Ponferrada: Paco Velasco, Nuria Varela e Rafael Adán

Vilafranca do Bierzo, Casa da Cultura de Vilafranca: Marisa Cela e Antonio Nestral

Vilalba, Salón de Actos da Casa da Cultura: Primitivo Iglesias, Luis Villares, Moncho Paz, Ricardo Polín e Antía Veres Gesto

15/01/10

PAREMOS O DECRETO ANTIGALEGO!!!


ACTO PÚBLICO
O borrador do Decreto do Galego no
ensino…
Hai razóns para unha folga?

Martes, 19 de xaneiro, ás 20:15 horas
Salón de Actos da Deputación de Lugo

Mesa Redonda:
Alfonso Rodríguez (FAPACEL – Federación de ANPAS Lugo)
Carme Vázquez (CIG)
Antón Castro (Comités)
Xosé Manuel Cabezudo (STEG)
Modera:
Luís Villares (Voceiro de Xuíces para Democracia en Galicia).

ASISTE, INFÓRMATE E DEBATE!!
A EDUCACIÓN É COUSA DE TODAS E TODOS!!
A LINGUA É DE TODAS E TODOS!!!

---------------
Paremos o decretazo
contra o galego
21 de XANEIRO
FOLGA XERAL NO ENSINO

SANTIAGO
MANIFESTACIÓN NACIONAL NA ALAMEDA ÁS 11:30 HORAS

LUGO
11:30 HORAS Diante do edificio MULTIUSOS da XUNTA
CONCENTRACIÓN do ESTUDANTADO

20:15 HORAS Diante do edificio MULTIUSOS da XUNTA
CONCENTRACIÓN CIDADÁ

09/01/10

OPERACIÓN BONECO DE NEVE!!















OPERACIÓN BONECO DE NEVE!!!


O Comando Folerpa realizou no día de onte unha nova acción en defensa da lingua na cidade de Lugo. Aproveitando a nevarada caída, varias compañeiras/os realizaron diante da torre da Mosqueira unha lenda na nve que dicía LUGO EN GALEGO.



Moita xente da cidade parou a ver que pasaba, preguntando pola actividade e sacándose fotos con este fondo!



Súmate ás nosas campañas e cando haxa neve reivindica o galego! que non conxelen a túa lingua!!