09/10/09

Nace na comarca a Plataforma "QUEREMOS GALEGO"






MÁIS DE 50 ASOCIACIÓNS DA COMARCA CREAN A PLATAFORMA ‘QUEREMOS GALEGO’ A FAVOR DO IDIOMA

Marica Campo exercerá de portavoz desta plataforma cidadá aberta e heteroxénea que pretende unir a colectivos de distinta índole e persoas a título individual na defensa do idioma

Entre os promotores atópanse asociacións culturais, sindicatos, asociacións de veciños, grupos de música como Fuxan os Ventos ou Quempallou, comunidades de montes, escritores, colexios profesionais ou deportistas como Sergio, do CD Lugo, ou os irmáns Vallejo

Máis de 50 asociacións da comarca de Lugo e persoas a título individual contituíron hoxe a plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO a favor do idioma. O acto de constitución tivo lugar esta tarde no salón de actos da Deputación de Lugo e nel déronse cita persoas de distintos eidos sociais unidos por unha única causa: a defensa do galego.

Marica Campo exercerá como portavoz desta plataforma cidadá “aberta e heteroxenea” que pretende aglutinar “a persoas de todas as sensibilidades que sintan o galego como seu e queiran protexelo e difundilo”. Ao acto de hoxe asistiron personas do mundo do deporte, como o dianteiro do CD Lugo Sergio, ou os irmáns Vallejo, escritores como Paco Martín ou Xosé Miranda, representantes de colexios profesionais, como o de Enfermería ou o de Arquitectura, e membros das distintas asociacións e colectivos que integran a plataforma neste momento, dende asociacións veciñais como a da Milagrosa, a asociacións culturais como o Instituto de Estudos Chairegos, LugoPatrimonio, o Clube Cultural Valle Inclán, María Castaña ou Ergueitos de Sarria; a sindicatos como STEG, CIG ou CCOO; ou mesmo grupos de música como Fuxan os Ventos ou Quempallou. A iniciativa está aberta á participación de todas aquelas asociacións ou colectivos que o desexen.

No acto celebrado hoxe Marica Campo deu lectura ao manifesto fundacional e explicou que QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá que nace coa pretensión de unir persoas, colectivos e institucións da máis diversa natureza baixo tres premisas básicas:
1. A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala.
2. A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións públicas non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito.
3. Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.

Iniciativas en marcha
A plataforma QUEREMOS GALEGO comeza a súa andaina sobre dúas propostas de traballo concretas: o impulso e desenvolvemento nos vindeiros meses dunha Iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos e a convocatoria dunha gran mobilización nacional en Santiago de Compostela para o vindeiro domingo día 18 de outubro.
Marica Campo explicou que “por primeira vez en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso nos diferentes ámbitos. O Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga fixada no Estatuto de Autonomía de promover e potenciar o uso da lingua galega e garantir os seus usos oficiais. Todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da Xunta teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma. Algúns exemplos son o anuncio de derogación do 50% do ensino en galego, a supresión das axudas á tradución de libros ao galego, ou a contrarreforma da Lei da Función Pública que fai que non sexa necesario coñecer o galego para acceder a un posto de traballo na Administración galega”, relatou a portavoz desta plataforma cidadá.

Manifesto fundacional: obxectivos
QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.
QUEREMOS GALEGO nace dun activo proceso de debate e reflexión colectiva arredor da difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto. A un estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados até o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura.
A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO aspira a recoller e transformar en enerxía a prol da defensa do noso idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, a gran preocupación que a actual política lingüística do goberno galego ten creado en amplos sectores da sociedade, independentemente das súas afiliacións ou simpatías. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua.
Facémolo desde a convicción de que a actual situación de retrocesos legais, desprotección dos nosos dereitos lingüísticos ou cuestionamento de consensos básicos arredor do idioma que custou o seu traballo construír non gusta a unha inmensa maioría da sociedade galega, que ama a súa lingua e desexa a súa normalidade.
Para esa ampla base social ten abertas as súas portas a plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO e as diferentes iniciativas que irá desenvolvendo.

--------------------------------------------------------------------------------

MANIFESTACIÓN
Domingo 18 de outubro
Ás 12 horas en Santiago

SAÍDA DE AUTOBUSES

Nº 1: Organiza A. C. Arrincadeira de Riotorto
RIOTORTO: SAÍDA ÁS 09:00 HORAS ( Praza do Concello)
MEIRA: SAÍDA ÁS 9:30 HORAS ( Praza Maior)

Nº 2: Organiza Área de Cultura do Concello de Sarria
SARRIA: SAÍDA ÁS 09:15 HORAS ( CRUCE DA CIGÜEÑEIRA)
POBOA SAN XIAO: SAÍDA ÁS 09:30 HORAS (CRUCE DA ESTACIÓN)

Nº 3: Organiza Instituto de Estudos Chairegos
VILALBA: SAÍDA ÁS 10.00 HORAS (DIANTE DA CASA DE CULTURA)

Nº 4: Organiza FORGA (CIG) de Lugo
LUGO: SAÍDA ÁS 10:00 HORAS (EDIFICIO SINDICAL DA RONDA)
GUITIRIZ: SÁIDA ÁS 10:30 HORAS (ÁREA DE SERVIZO DA AUTOVÍA)

Nº 5: Organiza Plataforma Queremos Galego
LUGO: SAÍDA ÁS 10:00 HORAS (EDIFICO SINDICAL DA RONDA)

Teléfono para anotarse : 982.22.58.12

Descargar cartaz coa información dos autobuses

Descargar carta de convite á Plataforma

Sem comentários: