BASES DA CONVOCATORIA DO CONCURSO
“MOBILÍZATE POLA LINGUA. POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO”.
“MOBILÍZATE POLA LINGUA. POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO”.
Primeiro-. Entidade convocadora-. A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca o concurso “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”. O seu obxectivo é fomentar entre a mocidade actividades que chamen a reflexión sobre a dificultade de vivirmos plenamente exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas/os.
Segundo-. Perfil dos participantes-. Poderán concorrer ao concurso mozas e mozos de ata noventa e nove anos. A candidatura para o concurso poderase presentar individualmente ou por equipos.
Terceiro-. Contido do vídeo-. As/os participantes deberán elaborar un vídeo no que recollan situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades que a cidadanía galega se pode atopar para empregar con normalidade o idioma galego nos distintos eidos cotiáns da vida: no ensino, nas administracións públicas –estatal, local ou autonómica-, nos hospitais, nos xornais, na empresa privada –como consumidores ou traballadores- etc. O traballo poderá ser enfocado dende calquera punto de vista: humorístico, dramático, épico, descritivo, etc. Valoraranse especialmente a orixinalidade, a claridade das mensaxes, a capacidade de transmisión de contidos dos obxectivos e a calidade técnica dos vídeos.
Cuarto-. Requisitos técnicos-. O traballo non terá unha duración superior a dous minutos. O vídeo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación (vídeo-cámara, cámara dixital ou cámara de móbil). Os arquivos serán enviados por correo electrónico a amesalugo@hotmail.com , por MMS ao nº 620 56 57 12, ou por correo ordinario á Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo. En todos eles indicarase “Concurso Mobilízate”, nome do/s autores, centro de ensino ao que pertencen, no seu caso, e nº de contacto. O prazo de admisión de traballos remata ás 18 horas do día 14 de maio.
Quinto-. O xurado-. O xurado estará formado por un/ha profesional do sector audiovisual galego, un membro dun Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística dunha Admon Pública –que non poderá pertencer a ningún centro de ensino participante no concurso- e un actor/actriz galego/a de prestixio. O xurado visualizará todas as candidaturas recibidas e emitirá un veredicto, por maioría de votos, que será inapelable. Os premios poderán ser declarados desertos.
Sexto-. Os premios-. Establécese unha única modalidade de concurso, con tres premios. O primeiro deles será unha PDA, o segundo unha cámara dixital de última xeración e o terceiro un MP 4. Se algún dos premios fose unha obra colectiva, premiarase a maiores cun MP 3 a cada un dos gañadores, cun máximo de cinco unidades por premio. Os premios poderán ser substituídos por outros de calidade e valor semellantes.
Sétimo-. Os dereitos sobre as obras en concurso e a súa emisión pública-. Os participantes ceden os seus dereitos sobre as obras por un tempo de seis meses, durante o cal a MNL adquire a obriga de difundilos co nome dos seus autores nas súas canles habituais de comunicación pública. O tratamento da información persoal realizarase conforme á LO 15/1999, de protección de datos. Todas as obras serán reproducidas durante o acto que a MNL celebrará na cidade de Lugo o 15 de maio de 2008. O acto levarase a cabo no salón de actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, a partir das oito da tarde. Os asistentes serán obsequiados cun CD con todas as obras participantes. As obras iranse colgando para o seu visionado previo e público na seguinte bitácora da MNL: http://www.amesalugo.blogspot.com/
Oitavo-. Aceptación das bases-. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases. Para máis información poden dirixirse á: Mesa pola Normalización Lingüística –Zona de Lugo-, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, chamando ao teléfono nº 620 56 57 12, ou ao enderezo amesalugo@hotmail.com
Sem comentários:
Enviar um comentário